Carley Williams (Canada)

Carley é unha violinista especializada nas tradicións do violín escocés e de Cape Breton. Creceu en Vancouver e aprendeu dalgúns dos grandes violinistas contemporáneos na Valley of the Moon Scottish Fiddle School de California. Percorreu os escenarios de Norteamérica a Europa con diversas formacións, incluíndo a Mad Pudding, a Vancouver Fiddle Orchestra, Stave Falls Dancers, e numerosas bandas de ceilidh. Os seus proxectos musicais máis recentes son o trío de música tradicional de Aberdeen, Straefoot, e a banda de ceilidh The Rolling Stovies. Tamén foi titora de violín na Scottish Culture and Traditions Association de Aberdeen.  

Na súa outra faceta Carley é etnóloga/folclorista/etnomusicóloga cun interese particular na política cultural internacional relacionada coas tradicións.  Actualmente realiza un doutoramento no Instituto Elphinstone da Universidade de Aberdeen, onde investiga a Convención de 2003 da UNESCO para a Salvaguarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Ademais de investigar e actuar, como folclorista pública, a Carley apaixónalle entusiasmar aos demais coa súa cultura e tradicións locais, e é facilitadora de actos, talleres e outras iniciativas que se axustan á súa filosofía de compromiso coa cultura e celebración desta. Formou parte da Xunta Executiva Internacional de NAFCo (North Atlantic Fiddle Convention), foi membro da Xunta Directiva da Asociación Escocesa de Cultura e Tradicións, copreside un grupo de traballo de investigación sobre patrimonio cultural para a Sociedade Internacional de Etnólogos e Folcloristas e é membro do Comité Organizador da Valley of the Moon Scottish Fiddle School de California.

© Galicia Fiddle 2023

Consentimiento de Cookies con Real Cookie Banner