En cada edición do Encordass Fiddle Fest e nun tempo récord, os alumnos asistentes aprenden e ensaian un repertorio que interpretan en directo xunto cos mestres na noite do domingo, no transcurso da gala final do festival.
O repertorio, escollido polos artistas internacionais invitados, está formado por melodías procedentes do país ao que se adica a edición, que neste ano 2023 é a música Cajun, orixinaria do sur de Lousiana.
A orquestra está formada polas distintas seccións instrumentais que xorden das aulas que se imparten durante o Encordass Fiddle Fest: fiddle, acordeón diatónico e guitarra. Ademais, únense outros instrumentos presentes na tradición galega, que se mesturan coas músicas internacionais, imprimindo un carácter único ao seu repertorio.
Os artistas convidados arranxan as composicións, adaptándoas aos distintos niveis do alumnado e á disparidade de instrumentos que conforman a agrupación orquestral. O resultado, tanto a nivel musical como visual, é impresionante pola enerxía que desprende un traballo feito con semellante intensidade e ilusión durante os tres días que dura o evento.