Dende a asociación cultural GALICIA FIDDLE, traballamos co principal obxectivo de promover o uso dos instrumentos de corda no ámbito da música tradicional. Dende os seus inicios, a asociación organiza eventos educativos e culturais de gran importancia para a aprendizaxe e o fomento da nosa música, apostando por métodos de ensino alternativos.
Esta labor foi posible grazas á paixón, o esforzo e a dedicación que de forma altruista volcaron neste proxecto docentes, profesionais da educación non formal, artistas e voluntarios afins ao mundo musical. A través dos anos e da profesionalización do traballo, logramos un equipo humano coa bagaxe e a experiencia necesarias para levar a cabo un evento das características do Encordass Fiddle Fest.
Tras doce edicións, o curso infantil e xuvenil para instrumentistas de corda está consolidado a nivel nacional como evento educativo de referencia. Os participantes aprenden outro xeito de relacionarse co instrumento, descubrindo a música tradicional propia e doutras culturas e creando comunidade musical durante unha semana na que se combinan as actividades musicais coas de ocio.
Encontro para adultos que vai cara a súa VIII edición, aglutina actividades musicais e culturais, acercándose cada ano á música dunha rexión que conta con instrumentos de corda no seu repertorio tradicional. Aberto tanto a músicos profesionais como amateurs, os asistentes participan de aulas de instrumento, obradoiros de baile, foliadas, sesións vermú, noite temática e gastronomía tradicional.
Ao longo destes anos levamos a cabo numerosos cursos e obradoiros de fin de semana, nos que tivemos a sorte de contar co apoio de artistas da esfera folk da talla de Alasdair Frasier, Darol Anger, Hanneke Cassel, Casey Driessen ou Mike Block, entre outros, que colaboraron co noso proxecto favorecendo de esta forma a súa repercusión e difusión a nivel internacional.
Iniciativa destinada a promover o primeiro contacto dos cativos co violín. Nestas xornadas, Galicia Fiddle empresta os instrumentos para que os nenos e nenas experimenten interpretando ritmos sinxelos, guiados por mestres e monitores da asociación. Ao remate da actividade son partícipes dun pequeno concerto acompañando algunhas pezas de música popular para os familiares.
Froito do intenso traballo de Galicia Fiddle coa xuventude, xorde esta orquestra formada por rapaces e rapazas que creceron asistindo ás actividades da asociación e acadaron o nivel de profesionalidade necesario para este proxecto. A orquestra participa no congreso internacional NAFCO 2018 en Escocia, e en diversos eventos coma Músicas de Sofá no Carballiño, Festival de Pardiñas ou Foliada da Fonsagrada.
A asociación conta con dous discos editados: Acorle (2018), gravado pola GF Orquestra e Acanteira (2021), libro disco realizado como celebración do X aniversario de Galicia Fiddle, no que os protagonistas son rapaces e rapazas que veñen participando nas actividades da asociación, que interpretaron música da súa elección como solistas. Ambos proxectos discográficos foron gravados, editados e producidos por Galicia Fiddle.
Desde o ano 2018, Galicia Fiddle organiza ciclos de concertos enmarcados dentro da Festa da Reconquista da vila de Vigo, actuando como un importante colectivo na dinamización desta celebración de carácter histórico e cultural. Durante os tres días da festa, Galicia Fiddle ofrece unha programación musical continua con actuacións de agrupacións de música folk e popular, dando visibilidade a bandas emerxentes e formacións tradicionais.